Previa do Sábado en Sonar Galicia

O sábado, último día de festival, habilitarase unha nova zona dentro do recinto, chamada SonarClub. De novo, a tarde de festival comeza ás seis no SonarVillage, e progresivamente iranse abrindo as outras dúas.

Así abrirán o último día de festival dous artistas galegos, BFlecha vs Mwëslee, pertencentes ó colectivo vigués Arkestra, que nos traerán unha sesión de dúas horas chea de acordes sincopados, graves directos ó estómago e novos ritmos urbanos.

 

 

Ás oito da tarde, o primeiro “pez gordo” do día: Flying Lotus. Como parte do que el mesmo chama a "xeración Nintendo", Steven Ellison creceu afacendo o seu oído a toda clase de bleeps e sons electrónicos que, combinados coa forte presenza do jazz na súa familia (a súa tía-avoa era nada menos que Alice Coltrane), deron lugar ao caldo de cultivo ideal para o que hoxe coñecemos como Flying Lotus. Un universo paralelo no que o hip-hop añejo, a psicodelia e o jazz menos conservador, campan ás súas anchas entre arranxos asimétricos e liñas de baixo devastadoras. Os seus fans xa o saben: o directo de Flying Lotus adoita ser moito máis salvaxe que os seus traballos de estudo, así que esta é a ocasión de ir aínda máis aló de "Cosmogramma", o seu terceiro álbum. Unha hora de directo que de seguro saberá a pouco.

Seguimos no SonarVillage, ás nove da noite, cos Portugueses Octa Push, que aínda que só levan dous anos como formación, temas como "Baila Mundo" e un bo puñado de remesturas en varios selos acredítanlles como expertos manipuladores de baixas frecuencias. Mutacións de dubstep, garage, riddims caribeños e moita influencia africana para sazonar a pista.

A iso das dez e media, subirán ó escenario Delorean, que son seguramente un dos grupos estatais con maior proxección internacional do momento. Con máis de dez anos de experiencia e unha traxectoria ascendente, este cuarteto vasco ten un futuro tan asollado como o son de "Ayrton Senna", o pequeno avance do que vai ser o seu novo disco e un dos traballos máis esperados desta tempada. Sen esquecer as súas raíces post-punk, pero totalmente impregnados dos sons da pista de baile, Delorean malgastan boas vibracións e espírito festivo nun formato que debe tanto ao pop como á música de club. O son e a euforia dos anos de Factory, postos ao día.

As once e media será o hora de Caradeniño, xoven coruñés que verterá na pista temas de indie e pop mesturados con dance punk, new rave, guitarras, voces, sintes e pandereitas, máis un toque de hip-hop e unha innegable influencia dos 60 e os 70.

A unha e media da madrugada, será o turno de Hot Chip, que revisarán as orixes do house coa axuda de colaboradores como Charles Hayward (de This Heat e Camberwell Now), Leo Taylor (The Invisible) ou Fimber Bravo, entre outros. Espontaneidade electropop é a mellor maneira de definir a este grupo.

E pechando a carpa de SonarVillage, Carte Blanche, o dúo de Ed Banger (por se a actuación de Uffie o día anterior non fose suficiente) formado por Dj Mehdi e Riton, condensando a paixon de ambos pola música house. Ancorados no presente e sen un chisco de nostalxia, o proxecto celebra o son de Chicago cunha colección de hits que non tardaron en seducir a Busy P, pasando así a formar parte das filas de Ed Banger. Catro pratos, unha mesa de mesturas e por suposto unha TR-909. Strictly house music. Nin máis, nin menos.

Todo isto no SonarVillage, pero aínda quedan dous escenario sen indagar, e moitas sorpresas que descubrir. Sigamos có SonarComplex, que comezará ás sete da tarde ata á media noite. Un proxecto nacional, 6PM, serán os encargados de inaugurar o escenario. Electrónica sen etiquetas nen prexuízos para esculpir cancións como catedrais.

Chegadas as nove da noite, no SonarComplex, terá lugar outra das actuacións estrela do festival, esperada por todos os amantes da electrónica minimalista experimental: anbb. Cada un no seu campo, Carsten Nicolai (Alva Noto) e Blixa Bargeld (Einstürzende Neubauten, Nick Cave and the Bad Seeds) poden considerarse dous dos artistas sonoros alemáns máis influentes das últimas décadas. A colisión sobre o escenario das bagaxes e ideas destes dous experimentadores de longa traxectoria, propón unha posible relectura do pop e a electrónica recentes, na que os xogos coa lírica e a linguaxe sucédense a partir de estruturas minimalistas e arranxos de electrónica sen adornos, abstracta.

Dúas horas de auténtica experimentación sonora que dará paso Fluzo. Fluzo son Javier Álvarez (produtor cunha longa traxectoria tras pseudónimos como Néboa, Bravido ou Dúo Cobra) e Hevi, MC en lingua galega. No seu proxecto en común, a vella escola dáse a man coa IDM, a música de 8-bits, o low-fi e o jazz máis experimental. Contrabaixos á beira de casiotones modificados, ventos que se comunican con sintetizadores monofónicos, Commodores que falan e gameboys mutantes relacionándose con hammonds e vibráfonos... Un regreso ao rap do futuro que servirá para pechar o SonarComplex.


Máis non pensedes que aquí remata todo. Non. Deixamos para o final o SonarClub, onde terán lugar máis de dúas e de tres actuacións moi esperadas: Viktor Flores, 2manyDj´s, Air, Bookashade, Cora Novoa... ¡Sigamos!

SonarClub abrirá as súas portas ás nove e media da noite, cando xa as outras dúas zonas estén a pleno rendemento. Comezará con sabor nacional: EmeDj. A penúltima xeración de neo-selectores sonoros que dende o indie souberon evolucionar cara a postulados electrónicos ten en Marta Fierro a unha dos seus principais expoñentes. Se hai un estilo global no que se lle poida adscribir na actualidade esa sería a “indietrónica” de alto berce e baixa cama, provocadora, adictiva e estimulante. Nos seus sets comparten espazo unha chea de sons distintos, do electro ao disco-punk, tinguidos a miúdo de pop e rock.

 

Iso será ata as dez e media, momento no que Air tomará o escenario. As tres palabras que compoñen o nome a modo de acrónimo, "Amour, Imagination, Rêve" (amor, imaxinación, soño) seguen sendo a forma máis poética e efectiva de describir o estilo de Jean-Benoît Dunckel e Nicolas Godin. O seu pop electrónico contemplativo, ambiental e de acabado obviamente analóxico, ocupa aínda un lugar privilexiado no corazón de incontables seguidores.

Será un directo dunha hora, xusto antes da primera actuación de Viktor Flores neste Sonar (e digo primeira, porque é o único artista de todo o cartel que tocará dúas veces no festival). El foi un dos responsables da dinamización da escena de baile en Galicia, grazas ao seu traballo como programador e DJ residente do mítico Vademecwm de Vigo. A día de hoxe combina os pratos coas actividades do colectivo SINSALaudio (tenda de discos, promotora) do que foi fundador, coa coordinación do espazo da Red Bull Music Academy en Sónar e traballos de xornalismo sempre relacionados coa súa principal paixón: a música. Na cabina, axiña que pode despacharse cun set de techno de Detroit como de Chicago house, aínda que na súa maleta cabe de todo, desde pop electrónico, a clásicos do son disco, EBM, new wave ou italo disco. Tocará unha hora entre as once e media e as doce e media; será o turno de 2manyDj´s, e volverá subir outra hora ó escenario antes de BookaShade. Vaia papel o que ten por diante o galego, máis en peores prazas ten toreado.

Así, ás doce e media subirán ó escenario do SonarClub a parella chamada 2manyDj´s. Dicir que son prolíficos é pouco. 2manydjs (a intres tamén coñecidos como Soulwax) non teñen bastante con estar na fala da xente, participar nos mellores festivais, encher estadios e producir compulsivamente mashups de luxo. En Sonar chegan co seu fabuloso show das portadas de discos totalmente renovado, demostrando a súa paixón, gusto e coñecemento pola música popular contemporánea (do pop ao funk, prog-rock, r&b, hip-hop e o que lles boten) sincronizando imaxes con sons, nunha colección sen fin de rompepistas cativadores.

Logo deles será a segunda actuación, como xa dixemos de Viktor Flores, e despois, outra das atraccións do festival, unha das estrelas de Get Physical (con permiso de M.A.N.D.Y. e Dj T). Estamos a falar, claro está, de Booka Shade. O dúo formado por Walter Merziger e Arno Kammermeier saltou súbitamente á fama en 2005 grazas a temas como “Body Language”, “Mandarine Girl” e un irresistible álbum de debut titulado "Memento". Desde entón convertéronse en remesturadores de excepción e nun dos directos máis potentes do circuíto electrónico. Dous veteranos da escena de Frankfurt (hoxe establecidos en Berlín) dispostos a levar o electro-house ata novos territorios.

E para pechar por todo o alto o SonarClub... a nosa máis célebre filla pródiga: Cora Novoa, galega afincada en Berlín, que está conseguindo facerse o seu propio espazo como produtora e DJ con tan só 24 anos. A súa clave radica en encher de melodía e boas vibracións a pista de baile, sen esquecer nunca, iso si, as bases, sempre cheas de nervio e a medio camiño entre o techno e o trance. A súa cada vez máis apertada axenda e os seus primeiros traballos para Natura Sonoris, Perspectiv e Hivern avánzannos que se trata de algo máis que unha promesa.

E isto é todo. Nin máis, nin menos. Creemos que non é pouco e que xa tedes tódalas claves para poder gozar do festival e dos seus artistas ó cen por cen.

smaller text tool iconmedium text tool iconlarger text tool icon