Fai un par de meses grazas ó myspace descubrín unha nova artista que me chamou a atención, os seus temas son envolventes, soan distinto do resto dos produtores, é coñecida polo mundo adiante e sobre todo… é galega.

Hai xente en Galiza que aínda non te coñece, como te presentarías a ti mesma?
Ola, o meu nome é Cora Novoa, nacín en Ourense e actualmente vivo en Berlín. Encántame facer música, e o que comezou como un hobby agora mesmo é a miña vida.
Actualmente quitei a miña primeira referencia no selo Natura Sonoris de Henry Saiz e un corte colaborando con Van Hai e David Durando no selo Perscpectiv Records de Ripperton. En breve sairá á luz unha nova referencia con Hivern, o selo catalán de D.a.r.e.l e Mousup.
Por outro lado tamén me encargo de levar todo o enderezo musical do colectivo de performance Butt-Plug, onde o erotismo e a música se mistura para ofrecer un espectáculo visual e musical totalmente diferente ao que estamos acostumados e estou na axencia de contratación Zen booking, cousa que me encanta porque me sinto en familia.
Fai anos que coñecín a Henry Saiz, el ensinoume todo o que sabe e apoioume e me segue apoiando na miña carreira musical. É un dos meus produtores favoritos e un dos meus mellores amigos e o feito de estar no selo Natura Sonoris xunto a artistas como Ugoluna, Marc Marzenit, Voltaeric, Arian, Van Hai, Damabiah, Dosem, Alt Fenster, 7thkey, Mos, Bruna, D.a.r.e.l ou Paroles Gudagafva é un soño.
Por todo isto síntome moi afortunada e non teño palabras para agradecer a toda a xente que confiou e segue confiando tanto en min, e a toda esa xente que goza coa miña música, así que só podo dicir dende aquí que: MOITAS GRAZAS A TODOS!
Podemos ler no teu myspace que estás afincada en Berlín, de que forma che influíu para facer música?
Berlín é unha cidade marabillosa en moitos sentidos, é unha cidade que recomendo vivir a todo o mundo. Encántame o ritmo de vida que alí hai, os valores que ten a xente, a creatividade que hai, a morriña que ten a atmosfera, a calidade de vida... De todas formas Berlín é Berlín, e iso non quere dicir que toda Alemaña sexa así, Berlín é unha illa dentro de Alemaña.
Como xurdiu a colaboración con Henry Saiz e o seu selo Natura Sonoris?
Henry e eu coñecémonos fai xa 4 ou 5 anos en Madrid, cando eu estudaba son. Os meus compañeiros xa me falaran del: un rapaz que fai unha música impresionante. Cando nos coñecemos houbo un flechazo (musicalmente falando claro!).
El tiña a idea de facer un selo, aínda non tiña nin o nome, e cando me dixo se quería formar parte do proxecto, non mo pensei nin dúas veces e lle dixen que si. Por aquel entón as miñas misturas, os meus sons e as miñas estruturas non eran as mellores do mundo, pero Henry soubo ver moito mais alá, e contou comigo para formar parte da familia Natura.
Encántame facer música con el, é coa única persoa que me sinto libre e cómoda e o mellor de todo é que nin sequera temos que dicirnos moito. Cada un collemos o noso portátil e deixámonos levar. Iso non me pasara antes con ninguén..
Unattainabel Love EP é o nome do teu traballo no selo de Henry, un tema moi atmosférico no que mesmo te atreves a cantar, está tendo o éxito que esperabas?
Se che digo a verdade non me esperaba nada do disco, quitar discos non é algo que me apaixone, pero son necesarios para promocionarme. O que realmente me gusta é facer directos e sentir na miña pel o feedback da xente. De todas formas unha cousa necesita á outra e é necesario quitar discos para ter actuacións.
Aínda así creo que está tendo moita aceptación. O tema principal Unattainabel Love é un tema que por sorte ou por desgraza pode encaixar en diferentes sesións e ten influencias de estilos tan diferentes como o Electro, Trance ou Pop. Mercurio ten un groove e unha melodía que se te bate, ao mellor non na primeira escoita, pero encanto o escoitas un par de veces xa che ten atrapada.
Síntome moi apoiada polas mesturas que fixeron Alt Fenster e Paroles Gudagafva, creo que é un EP abondo completo e é un EP que forma parte do meu corazón.
Directora do colectivo Performance Butt Plug e dos proxectos escénicos da xoguetería Erotic Toys... cres que a música debería sempre ir acompañado dun bo espectáculo visual?
Depende da ocasión. Non sempre é imprescindible ter un apoio visual, depende do que queiras contar en cada ocasión.
No caso de Butt Plug necesítase tanto a parte visual como a musical, porque se non lle faltaría unha das pernas para andar ao proxecto.
O colectivo Butt-Plug está formado por varios artistas que levan a cabo diferentes disciplinas interesados en explorar o erotismo e o pracer desde diferentes perspectivas escénicas. Vivímolo como un xogo e facémolo polo mero pracer de xogar, coa intención de que o público viva unha experiencia totalmente diferente ao que viran e escoitaran ata entón.
Fai pouco estiveches por Galiza actuando, concretamente no Barco De Valdeorras. O público respondeu como esperabas ao teu live?
Paseino moi ben, a xente respondeu de marabilla!
Encántame tocar na miña terra galega. Creo que é un público con criterio e moi fiel, se hai algo que non lles gustou dirancho, así como se hai algo que lles gustou farancho saber.
Aínda hai provincias nas que non toquei ata o momento, como Pontevedra, Coruña ou Lugo, así que che podo falar do que coñecín ata agora que é Ourense.
Desde o punto de vista tanto de DJ como de produtora, como ves a escena galega?
Creo que Galiza é unha proba mais da evolución que está a ter España en xeral. Somos unha comunidade autónoma cun historial moi Techno e ir educando o oído musical do público é algo no que estivo a traballar xente como John Axiom en Ourense, David Graña en Pontevedra ou vós mesmos como puiden comprobar.
Sempre estiven a seguir a escena galega o mais de preto que puiden. Cando vivía en Ourense ía de vez en cando ao Vademecum de Vigo, era no único sitio que eu coñecese que podías escoitar a Monolake ou xente similar e encantábame.
Actualmente non hai un club, que eu coñeza, cunha programación constante e de fin de semana con artistas convidados internacionais ou nacionais como teñen no sur a Industrial Copeira ou a sala Innova, pero o que si hai son festas puntuais cunha programación boa, e iso é co que nos temos que quedar, que xa comeza a haber variedade.
Creo que hai xente que está a facer unha música impresionante en Galiza e xente que ten un gusto exquisito misturando. Temos o produto bruto, a infraestructura estámola a montar, tempo ao tempo.
Persoalmente creo que hai demasiada sobrecarga de Techno, botas en falta que haxa festas doutros estilos?
Como che dicía anteriormente Galiza é unha comunidade autónoma cun historial moi Techno, encántame como se vive a festa aquí e espero que iso non o perdamos nunca. Si que é verdade que custa ás veces facer chegar aos oídos outros estilos de música, pero creo que se está a facer e é cuestión de tempo que todo isto se normalice, imos lentos pero estamos a andar, iso está moi ben, e é como creo que se teñen que facer as cousas, pouco a pouco.
Poderemos gozar logo de mais referencias ao teu cargo?
O seguinte que sairá será a referencia con Hivern: Playing in Stambul que irá cunha mistura dun proxecto que teñen conxuntamente Javier Orduña e Sistema que se chama Deep's Edayar. É un tema moi movidiño e que funciona ás mil marabillas en pista. Xa me diredes o que vos semella.
Algo mais que dicirlle aos lectores de Galizaelectronica.com?
Encántame que haxa unha comunidade como esta, non a coñecía ata o momento, pero xa a teño metida nos meus favoritos.



Yahoo
Googlize this
Facebook
Meneame
Chuza