Entrevista a Roi
Escrito por Martin NoMore   
Domingo, 21 Febreiro 2010 14:31

Entrevistamos a Roi, un dos deejays máis recoñecidos da Coruña ademais de estar a cargo das festas Frequencies e do local FanZine, coñecido por todo galego aficionado á electrónica.

 

Roi

Levas unha vida dedicada á música; non só pinchando, senón organizando eventos de calidade. As festas Frequencies, coñecidas por todo galego aficionado á electrónica...¿como xurdiron? ¿Foron os teus primeiros eventos ou simplemente os primeiros con gran relevancia?
Os primeiros eventos feitos por min foron no Portiño. Fixen un par de eles para ver como funcionaba o tema. Ó pouco tempo, a vida xuntounos a Pablo Cubeiro, a Vila e máis a min, e de aí xurdiu a idea de facer unha festa baixo o nome de Frequencies, que no mes de Febreiro fan 4 anos. Fixemos poucas, pero creo que de gran calidade. Creo que é bastante difícil encontrar xente "boa, bonita e barata" que é o que buscamos para estas festas. Partindo da base de que os vós á Coruña son carísimos, e que a nosa filosofía sempre foi, é e será buscar xente que está a punto de despuntar, e collela no momento xusto que é un gran artista, pero que aínda é asumible a súa contratación.

E dende aí...ata o FanZine, que se non me equivoco, levas co teu amigo Pablo Cubeiro. Local que o pasado mes de Decembro cumpriu o seu primeiro aniversario. ¿Que tal van as cousas?
A verdade e que fomos empezar nunha época amolada, coa maldita crisis, a xente anda apurada e non hai moitos cartos; pero bueno, sabíamos dende un primeiro momento que non sería nada fácil, que sería difícil, pero encántanos os retos e estamos con moitas gañas. O proxecto de FanZine xurdiu con Pablo Cubeiro porque Diego, debido a que ten un traballo familiar, pois era imposible involucrase, polo que Pablo máis eu decidimos facernos co local e comezar a programar. A verdade é que está sendo complicado, pero pouco a pouco imos conseguindo o que queremos, que é intentar conseguir unha filosofía de clube, que é complicado. Librarnos de mala xente e intentar que a xente síntase cómoda e que gocen  de boa música.

A propósito do Aniversario de FanZine, este mesmo mes de Decembro levouse a cabo unha versión en directo de 0Rh-, proxecto audiovisual de Frances Lerouge & Parasit, no que, a través da música electrónica e vídeo en directo, tratarán a temática da doazón  de sangue. Curiosa e bondadosa iniciativa. ¿Tedes preparadas máis sorpresas como esta?
Polo de agora, o de 0Rh negativo foi unha idea de Frances Lerouge e Parasit, que para min son dous artistazos con maiúsculas, tanto Lerougue na música coma Parasit no tema das visuais son xente moi creativas e que están constantemente buscando cousas que facer. 0Rh negativo foi unha idea totalmente deles, e FanZine está sempre dispoñible para quen queira organizar cousas, e máis para cousas así, que mira.. seguro que axudamos co tema da doazón de sangue.

RoiDe tódolos artistas que pasaron por FanZine, un servidor quédase co set de Ivan Smoka en Febreiro do ano pasado. ¿De que noite gardas mellor recordo e por que?
(Resopla e rí) É dificil escoller. Dicir que o día de Smoka valeu moito a pena, pero quedarme cunha soa noite é imposible. Quizais quédome cos artistas galegos, que para min teñen tanto nivel ou máis que outros artistas de renome ¿Quedarme con unha noite? Non podo.

¿Hai algún artista que queirades traer por Coruña e que polo momento non fose posible? ¿E por que estarías disposto a tirar a casa pola ventá con tal de velo pinchando no FanZine?
Pois hai un artista que teño no punto de mira, que é Mike Dehnert. É un tío de Berlín, que fai un techno moi bo, a min góstame moito e penso que pode dar moito que falar.

¿Pode caer por aquí?
Imos a intentalo. O máis complicado para traer a quen sexa aquí é o tema dos vos. É todo carísimo, pero bueno, estamos intentando traelo

FanZine representa fielmente o concepto de clube: programación regular e de calidade, cun público máis ou menos numeroso, pero sempre fiel. É para estar orgulloso. Imaxino que o estaredes, tanto ti coma Pablo, ¿non?
Por suposto. FanZine é o noso fillo. É un proxecto que dende o primeiro día sabíamos que ía ser complicado, pero cada día imos levantando o voo un pouquiño máis, e a verdade é que estamos moi orgullosos de todo o que estamos conseguindo. Que a xente que veña que o pase ben, que saiba que vaise encontrar a gusto e que vai escoitar boa música. É o único que pretendemos.

Pola nosa parte nada máis, moitas gracias polo teu tempo. Se queres dicir algo a maiores, este é o momento.
En primeiro lugar agradecervos a vos a entrevista, e tamén comentar que xa é hora que démonos conta que en Galiza temos nivelón. Que sempre fixámonos nos nomes de fora, e en Galiza case sempre as festas as salvan os de casa.

Myspace: http://www.myspace.com/roifrequencies

smaller text tool iconmedium text tool iconlarger text tool icon
Comentarios (0)Add Comment

Facer comentario

security code
Escribe os caracteres da imaxe


busy