Entrevista a Zen Baboon
Escrito por Ana   
Mércores, 14 Abril 2010 19:32

MUSICAS AMBIENTAIS E CONTEMPLATIVAS EN PORTUGAL: ENTREVISTA A HENRIQUE PALHAVA, MEMBRO DE ZEN BABOON. Daniel Rosado e Henrique Palhavá (Henriq aka Zen Baboon) son dous produtores ambient portugueses nacidos na década dos 70 que frecuentan un proxecto chamado Zen Baboon. Henrique Palhavá comezou producindo músicas electrónicas no ano 2001, participando activamente nunha das reunións psy trance máis estimadas de toda a escena mundial: o Boom Festival. Henrique, coa súa familia, leva adiante o seu propio proxecto vital como zooloxista nunha granxa en Portugal, nun continuo intento de vivir en perfecto equilibrio coa natureza. Por outro lado, Daniel Rosado é un recoñecido enxeñeiro de son portugués con moita bagaxe profesional, que ten por exemplo traballado para documentais da propia National Geographic. Cando os dous se xuntan conseguen producir sons que chegan aos nosos ouvidos como regalos dos deuses. Podemos escoitar estes sons en publicacións como o Ambient Planet Vol 2, no que será un esperado albume que verá a luz con Electrik Dreams Rec este mesmo ano ou no soundcloud. Gran calidade de son, “Soundscapes avant-garde”, frescura, beleza, harmonía ademais de duro traballo é o que de seguro percibiremos desta parella o próximo mes de agosto na sección ambient da raíña das raves. Henrique Palhavá conversou con Galizaelectrónica para explicarnos el mesmo de que falamos cando nos referimos a Zen Baboon:

Zen Baboon

Ola Henrique, cando e por que comezas a producir músicas electrónicas?
Comecei no ano 2001 cando me iniciei como DJ de música ambient e chillout. Sentín unha forte necesidade de tocar as miñas composicións podendo así aportar algunha novidade aos eventos e festas con área de chillout onde era invitado.

Fálanos un pouquiño do proxecto Zen Baboon...
O proxecto comezou sen nome en 2003 co meu amigo Daniel. Naquel momento, el tamén producía os seus sons e de aquela sentimos unha empatía e ganas de cambiar proxectos e fusionalos nun só.

Por que Zen Baboon?
O nome Zen Baboon ven dun sample dun documental sobre babuínos. Foi usada nunha música nosa que despois nunca chegou a ser acabada. Despois, no ano 2005, presentouse a necesidade de decidir un nome para o grupo pois íamos colaborar na compilación Ambient Planet Vol 2 e tocar no Boom Festival de 2006. Fixemos unha lista con varios nomes e este foi de lonxe o máis votado entre amigos por ser o máis musical e adecuado ao noso estilo.

Que é o electro-acustic ambient-chillout? Definirías así os sons que producides?

Pensamos que a unión dos elementos acústicos ao estilo chillout, elaborados e fermentados electronicamenteeedefine un pouco o noso estilo. No entanto, é sempre difícil de catalogar, por iso lle pomos ás nosas producións máis ambientais este nome mais complexo.

Consultando o teu perfil descubrimos que estudaches enxeñería zootécnica e permacultura.? Podes comentarnos de que forma integras estas disciplinas na túa produción musical?
Ter unha segunda actividade da un certo equilibrio na produción musical. Moitas horas diante de un ordenador pode volverse desmoralizante. É necesario un tempo de reflexión sobre cada composición para que esta sexa terminada o máis harmoniosamente posible e sen que se deixe permanecer en aberto e perder todo o seu momento. Así entran os conceptos de zootecnia e permacultura como segunda, ou ás veces primeira actividade. O seu lado terapéutico foi bastante positivo na miña vida en xeral e nas miñas composicións, dándome un maior sentido de ligazón á Terra.

Desde cando e como participas na celebración bianual do Boom Festival?
Neste evento bianual, tiven sempre experiencias moi diferentes e bastante gratificantes. A primeira vez foi no 2002 cando entrei no equipo de manutención da Ambient Área. Dous anos despois fun invitado para tocar como DJ e traballar como stage manager. Repetín as mesmas funcións no 2006 onde tamén fixen o primeiro live act de Zen Baboon. No 2008 fun invitado como DJ e fixen outro live act. Para este Boom Festival 2010 prométese o mesmo de hai dous anos.

Zen Baboon no BOOM FESTIVAL

Que é para ti o Boom Festival?
Sen dúbida que é para min “the” festival. Aínda non tiven a experiencia de ser só visitante, no entanto, sentir que estou nun lugar magnífico e rodeado por miles de persoas, en xeral, diferentes a todas as que vexo todos os días, pois ven xente de todos os cantos do planeta, é simplemente grandioso. É imposible permanecer indiferente despois de ter visto todas aquelas extructuras, proxeccións, performances, pinturas e instalacións, de saborear e sentir estímulos diferentes e de ter tido a posibilidade de ouvir e coñecer persoalmente grandes artistas. É, sen dúbida, unha semana de verán en grande.

HenrikTes algunha relación con artistas ou Djs galegos ou galegas? Gústache algún proxecto en particular?
Honestamente descoñezo. É posible que os teña ouvido algunha vez pero non asociei o feito de que foran da Galiza. Hai moitos artistas que coñezo polo nome ou pola música pero non pola terra de onde veñen.

En que proxectos traballas actualmente e que plans de futuro tes?
Actualmente estou moi concentrado no proxecto Zen Baboon, no seu álbum e nas pistas que teño que preparar para os compilatorios. Para o futuro, os eventos de este verán, o meu proxecto de música máis bailable Zen Racoon e as ganas de conseguir construír unha casa biolóxica e sostible para a miña familia.  

Que futuro pensas que ten a produción de músicas electrónicas en Portugal?
Vai ter o mesmo que o de outros países. Os niveis de esixencia están lanzados. Cada vez mais somos un só e internet ten o seu importante papel no medio deste proceso evolutivo. Cada un de nós vai ter que empurrar máis pola súa creatividade e produción. A orixinalidade e calidade de son é o que vai ditar o seu propio traballo como artista e produtor.

Henrique, xa para rematar, que lle dirías aos lectores de Galizaelectronica?
Que agradezo que teñan sacado algo do seu tempo para ler as miñas palabras. Que teñan un sentido responsable na relación co próximo e o medio onde viven. Para os novos produtores, que sigan o seu propio estilo, sexan orixinais e non teñan medo de fallar pois esa é a parte máis divertida e onde se aprende máis en todo o proceso. Compartide o voso traballo e amor.

Moitas grazas Henrique, esperamos vervos no festival este ano con moi boa enerxía. Aquí vos deixamos a vós, os nosos lectores, os links destes psy viaxeiros para que podades apreciar unha vez máis, aínda máis novos e orixinais traballos de xente sempre nova:

http://www.electrikdream.com

http://www.soundcloud.com/zen-baboon

http://www.myspace.com/zenbabbon

zen baboon - floresta by Zen Baboon

smaller text tool iconmedium text tool iconlarger text tool icon
Comentarios (1)Add Comment
0
respond this topic
escrito por CaraBoyle28, August 31, 2010
Make your life easier take the home loans and everything you need.

Facer comentario

security code
Escribe os caracteres da imaxe


busy