Entrevistamos a Javier Muriel, encargado de Produción artística do Fresh Weekend

Por que apostástedes por Galiza para facer un evento deste nivel?
Galiza sempre tivo unha longa tradición cultural e artística, pero neste sentido consideramos que faltaba un evento destas características para volver a situala no lugar que merece. Hoxe en día as novas tecnoloxías están completamente integradas na nosa sociedade e este tipo de eventos convertéronse nas novas reunións sociais para a xente nova, así que sen deixar de lado a parte cultural implícita nun festival musical destas características buscamos o equilibrio ca parte lúdica para que se converta no punto de encontro e de referencia para a xente con inquietudes afíns ós tempos que corren nos próximos anos.
Cal foi o motivo para facer o Fresh Weekend no Aquapark de Cerceda e non noutro lugar?
Procuramos a maior comodidade tanto para o público como para os nosos artistas, e as instalacións do parque acuático son perfectas para facilitarnos moito o traballo e para coidar o benestar. O espazo está moi coidado, ten amplas zonas abertas e un gran arboredo o lado dun río perfecto para a zona de sombras e descanso. É un sitio con moito encanto e contamos co atractivo das propias instalacións do Aquapark, polo que o consideramos un punto moi exclusivo dentro da oferta existente no resto de festivais de verán. Quen se resistiría a mergullarse na auga escoitando unha sesión do teu artista favorito?
O festival vai ter catro escenarios, clasifícanse por estilo ou por status de artista?
Intentamos coidar o máximo a proposta artística e dentro da mesma política intentamos dar coherencia a programación por escenarios cada día. Cada stage contará cun estilo musical moi diferenciado, e dentro de cada estilo propostas moi diferentes aptas para todos os gustos. Dende os sons cálidos do house americano máis underground con artistas como Patrice Scott, Fred P ou Ksoul, pasando polo tech-house máis fresco e bailábel con grandes nomes como Luciano, Steve Lawler, Guy Gerber e Oxia entre outros... Outro escenario vai dedicado ós ritmos máis duros da electrónica. Dende os sons espaciais do techno manufacturado en Detroit, e varios dos seus máximos expoñentes como son Kevin Saunderson, Octave One y Convextion, ata os sons máis contundentes da man de grandes xenios como Dave Clarke, Redshape o Sandwel District entre outros. E por último o que consideramos a nosa aposta máis arriscado e persoal, pero que é probablemente o que máis cor e variedade ofrece con respecto ó resto de propostas neste tipo de festivais en España. Disco, electro, funky e a electrónica máis “gamberra” e transgresora das mans de artistas tan consagrados como DJ Hell, The Hacker, Blackstrobe ou Zombie Nation, e doutros non tan coñecidos no noso país pero de gran calidade que xa encabezan os festivais máis importantes de Europa como Aeroplane, Brodinski, The Glimmers o Villa entre outros. En resumo música electrónica de calidade pensada para os gustos e todo tipo de público.
Cal foi a política para seleccionar os artistas galegos?
Debido a gran cantidade de artistas galegos e a calidade existente en Galiza neste sentido, e contando cos tempos tan axustados que tivemos para a preparación do festival, intentamos que haxa unha representación de artistas de tódalas zonas posíbeis de Galiza e arredores, xa que tamén contamos con artistas portugueses e doutras zonas como Castela e León e País Vasco. Por suposto dentro dese baremo contar con artistas que nos dean versatilidade nas súas sesións debido a gran cantidade de estilos e zonas cos que contamos no festival, e como non para seguir co equilibrio que buscamos ca programación de artistas internacionais.
Aínda é cedo para preguntar pero é posíbel que o Fresh Weekend se faga máis anos?
Por suposto que a intención co proxecto é que teña unha continuidade como é lóxico, pero para iso temos que ser conscientes do espacio no que se realiza. Estamos traballando a fondo para que se cumpran unha serie de normas de comportamento e concienciación co medio e o respecto do entorno. É fundamental que a xente se conciencie de que pasalo ben pode ir acompañado do coidado das instalacións, a limpeza e o comportamento persoal, algo que polo outro lado é habitual noutros eventos deste tipo en Europa pero que por desgraza non está moi arraigado no noso país. Por este motivo imos ser moi enérxicos cas sancións que se aplicarán a todos aqueles que incumpran as normas de comportamento interno do festival e do propio parque acuático. Estes problemas son os que xeneral que os concellos dean o lombo a moitas das propostas que se planean, e nós pola nosa parte temos que aproveitar a oportunidade que o Concello de Cerceda nos ofreceu para conseguir que o FRESH WEEKEND sexa un festival de referencia non só en España senón fora das nosas fronteiras. O público terá un papel fundamental neste sentido, e dende a organización poñeremos todo o noso empeño para que isto se consiga.



Yahoo
Googlize this
Facebook
Meneame
Chuza