O primeiro que atopas ó chegar un festival, é a súa organización: entrada ó recinto, folletos con horarios, esas cousas que o TimeWarp demostrou dende un primeiro momento ter baixo control.
Só un par de embotelamentos entre a segunda e terceira carpa, pero que non hai máis remedio que sufrir, pois os pavillóns están onde están, e non se van a mover. O único que se podía facer era abrir as portas traseiras dunha das carpas (que foi o que fixeron) para que entrase e saíse a xente por ahí. Pedir unha copa apenas levaba nada, pois había camareiros encargados de facelas, e camareiros encargados de servilas.
O son era bo en todas as carpas. Quizais a quinta podería ter un pouco máis de volume, e a cuarta (a crystal) cando estaba Karotte sobráballe presión, había moito son para tan pouco sitio.
Musicalmente, a noite empezou co Live de Garnier. Unha boa posta en escena (trompeta, saxo, piano, guitarra..) e unha música realmente agradable. Encantábame cando entraba a trompeta e o saxo. Un concerto digno de ver e escoitar.
http://www.youtube.com/watch?v=CCHwkiDNdfY
Vino uns 40 minutos e fomos para a quinta carpa. A noite empezaba ben.
Chegamos á carpa 5 e atópome con (un tal) Nekes liándoa do lindo. Micro-house e tech-house de nova onda foi a tónica xeral durante toda a noite nesa carpa. Creo que toda a xente coa que ía gozaron (gozamos) ese set como ananos.
http://www.youtube.com/watch?v=RmzSGlGPAY8
http://www.youtube.com/watch?v=Jh9FoT5eE-s
Toda a pista super animada, botando, cos brazos no alto.. moi grande. Terminou Nekes o seu set e comezou Nick Curly co seu. Só puiden escoitar os seus primeiros temas pero quedaba claro que ía continuar coa mesma tónica. Gustábame, estábao pasando ben, pero na carpa 2 estaba a piques de empezar o holandés Joris Voorn, e había que marcharse. Ollada ós horarios e auto-citeime nesa mesma carpa un par de horas despois para ver o Live de Reboot.
Chegamos á carpa 2 e xa Joris Voorn empezara o seu Live. Era unha das actuacións que non me quería perder por nada do mundo, tiña moita fé posta nese directo, e non me defraudou en absoluto.
http://www.youtube.com/watch?v=mQSizOCqRfY
Dicir que en cada unha das carpas, había equipos de VJ, o que se traducía en visuais totalmente distintas entre carpa e carpa, coma se non pertencesen ao mesmo Festival. Mención aparte as visuais de Ali Demirel durante a actuación de Hawtin. Espectaculares.
Primeiro descanso e parada na zona chill-out.
Ás 4 comeza o set de Carola. Nunca o vin en directo, e en verdade, esperábame máis. Non sei por que, pero esperábame máis. Pareceume unha sesión demasiado lineal, predicíbel, e un bombo que me daba a sensación que xa escoitara. Non sei..a xente dime que ese é Marco, pois o será. Non é que non me gustase a súa música, que me gustaba, pero a maneira de levar a sesión, cun ritmo constante, cun bombo que á terceira mestura xa sabía onde ía romper..non me acabou de convencer. Pode que aínda non me recuperara do Live de Joris Voorn. Pode ser.
Eran as cinco e estaba a punto de comezar outro live que non me quería perder. Reboot na Floor 5. Nada máis entrar vexo que a pista seguía caldeada, con moitísimas ganas de bailar. Ademais nesta carpa non houbo agobios en ningún momento da noite. E xusto agora, que coincidía cos sets de Cox, Clarke, Sven e Carola. Todo estaba perfecto e comeza o live: traballadísimo, con moita melodía, cunha líña de baixos moi elaborada, ritmos cálidos, a camiño entre o miniamal-tech e o tech-house, co único obxectivo de facerche bailar.
http://www.youtube.com/watch?v=-ww2OUBCMfI
E conseguiuno. A estas alturas eu xa amortizara a viaxe a Alemaña, e o que quedaba...
Entrei por primeira vez na floor 4, aquela na que tantos vídeos vira en youtube de Garnier o ano pasado. Estaba Karotte e pasei por alí sen máis. Había demasiada presión nesa sala e non me sentía cómodo no sitio onde estabamos, onde non deixaba de entrar e saír xente. Estivemos a velo un intre e decidimos volver á Floor 5, onde mellor se estaba. Ó voltar estaba Federico Molinari repartindo ese tech-house centroeuropeo tan de moda ultimamente e algo de minimal-tech. Estibemos en primeira fila vendo como mesturaba discos, un tras outro, acompañado dos seus colegas Nekes, Curly e Reboot, que tamén andaba por alí.
Deron as 8 e fomos ver o comezo de Richie Hawtin. Atópome co teito baixado, xusto enriba das nosas cabezas, en plan Watergate. Con Richie ós mandos da nave, e Demirel ás visuais, aquilo prometía e moito.
Comezou cunha intro longa, longuísima, á que se lle ían engadindo sons paulatinamente, até crear unha atmosfera incríbel.
http://www.youtube.com/watch?v=64leelca1mE
Quedaría alí máis tempo, pero a esa mesma hora estaba arrincando o set de Luciano.
Chegamos e tiña un circo bastante serio montado as súas costas, pero se lle vía concentrado. Bebendo de cando en vez dunha botella a morro, pero concentrado. Foron dúas horas de Lucianada pura e dura. Temas latinos, bailongos, con trompetitas e adornados con mil e unha vogal fixo as delicias de todos os que estabamos alí. Algún corte de cando en vez e mesturas en xeral moi boas. Para mostra un botón:
http://www.youtube.com/watch?v=eSL80GwxL2s
Durante a sesión de Luciano, apareceu o de sempre a facer. Papá Sven facendo o piñeiro á beira de Luciano, bailando encima da mesa...en fin.
http://www.youtube.com/watch?v=ExFfgXj2PNs
Antes de terminar Luciano, xa andaba o outro chileno, Ricardo Villalobos, roldando por ahí. Esperábame moito da súa sesión. Vírao unha única vez en directo, a finais do ano pasado en FabricLondon. Fora unha sesión memorable, chea de ritmo, musicón, mesturas exquisitas, e máis, máis musicón. Quedárame con ganas de máis Ricardo, e esperaba que chegara ó seu fin...ou non.
Atopeime a un Ricardo totalmente diferente ó que lembraba. Cun peido do 15, sacando o peor da súa maleta (a todo isto...que fai o "chacarrón chacarrón" na súa maleta?), deixando os temas correr, sen tocalos, e cando se lle ocorría mesturar, non era capaz. Non podía crelo. Máis ben non quería crelo, pois todos coñecemos a Ricardo, e é un risco que corres cando fas X quilómetros para velo.
Ten delito o seu, e ten delito que, coñecéndoo como o coñecen, o deixen para as 10 da mañá, cando con sorte se mantén en pé. Pero vamos, que non é desculpa, moi pouco serio pola sua banda. Foi a nota negativa de todo o festival. Fodeume polo meu, pero máis me fodeu polos meus colegas que aínda non o viron (e que aínda a día de hoxe non o viron, pois o do outro día non era Ricardo, o Ricardo que eu quero). En certo xeito hainos que se toman este festival como a festa máis hedonista do ano. Mal feito.
Visto o visto, volta para a carpa de Richie. Gústame moito Hawtin pero esta vez non me apetecía escoitalo, ou máis ben non me estaba entrando ben. Entre o musicón incríbel que escoitara durante toda a noite, o cabreo que traía de Villalobos, o seu set que parecía que non acababa de arrincar e o cansazo que podía comigo, decidimos marchar para o hotel, completando así unha noite de Notable alto.

Ata a próxima!





Meneame
Chuza