Crónica Sónar Dia '09 (Xoves)
Escrito por Martin NoMore   
Luns, 06 Xullo 2009 16:22

SONAR 2009En primeiro lugar agradecer a galizaelectrónica tódalas facilidades postas para estar no Sónar, e dicir tamén que este ano era a primeira visita a este festival, tanto para min como para todos os que me acompañaban. Logo de meses coa reserva de avión, de planificación e demais, chegaba o Xoves 18 e ás 13:00 estabamos entrando nos nosos apartamentos no centro de Barcelona.

Logo de acomodarnos, esperar por parte do grupo, facer a compra para catro días e comer, tres de nós fomos a fume de carozo ao Sónar Dia do Xoves, co obxectivo, en principio de ver a The Wizard, e despois o que viñese, pois só coñecía ós demais polas súas bios e pouco máis (¡e como me gusta iso!).

Logo dalgún que outro problema para chegar ao recinto, entramos a iso das 17:30. E dicir, que fomos correndo cara ao SónarVillage onde, na escasa media hora que o vin, estaban as mans máis rápidas do oeste facendo bailar a toda alma presente a base de..¿.a base de que? A base de case o que lle dese a gana. Porque xa digo que en pouco máis de 20 minutos alí soou hip-hop, funk, house (Chicago), disco... unha pena chegar tan tarde, pero ¿que se lle vai facer?
Jeff Mills Sonar 2009Jeff Mills Sonar 2009


Acabou The Wizard, e no mesmo escenario montaron o aparato para o directo de Luomo, que veu acompañado por Jason Sellards, o cantache de Scisor Sisters, cunhas pintas que chamarían a atención en case calquera lado, excepto no Sónar. Música alegre, bailable e contundente por momentos, sobre a que cada 2 ou 3 temas metía a súa voz por encima o excéntrico Jason, para facer un conxunto que, a min persoalmente, gustoume bastante.

Alto. ¿Aínda non comentei nada do son? Foder. Aquilo soaba como os anxos. Cunha potencia, presión e nitidez... sabía que ía ao Sónar, que cousas como esas ían estar á altura, pero un que vive á sombra da Torre de Hércules, sempre acaba coa boca aberta cando pode gozar da música nesas condicións.

Aparte diso, o SónarVillage está todo cuberto dunha especie de moqueta verde, onde a xente estaba bailando ou sentada baixo a sombra dunha árbore, tomándose unha caipirinha polo módico prezo de 5 euros. Aínda non estiven no paraíso, pero desde logo que este Xoves pasado, a media tarde, parecíame estar nel. E o que me quedaba...


Logo de escoitar unha media hora de Luomo, ímonos a facer a volta de recoñecemento, ata chegara o SónarDome, monopolizado pola xente da RedBull Music Academy.

 

Neses momentos estaba acabando a súa actuación o francés DeBruit. Tan só deunos tempo a escoitar os seus 4 últimos temas, pero tiña ao público nas súas mans, o cal fixo que nos metésemos de cheo na sesión e gravar un vídeo do último tema, coa xente ovacionándoo.

 

Vimos o inicio do inglés Jamie Woon, e como non tiña moitas trazas de que nos fose a gustar aquel directo, seguimos coa volta de recoñecemento. Entramos no recinto pechado, baixamos unhas escaleiras e logo subimos unhas mecánicas enormes, que nos deixarían ás portas de... ¿como explicalo?
O que para un neno sería unha sala enorme chea de bólas de cores, leigos, barcos piratas e demais xoguetes... pois creo que para todos os que estabamos alí, aquilo era algo parecido. Unha sala alargada, con exposicións de todo tipo de marcas, patrocinadores, tendas e demais.. Casetas de Allen & Hearth, Pioneer, Microfusa, Logic, Vestax, Stanton… con tódolos seus produtos alí expostos esperando a que manazas ansiosos por experimentar lles puxeran as mans enriba.

 

Nin que dicir ten que esa visita alargouse máis de 1hora, e iso que a fixemos o máis rápido posible.

Pasadita rápida por unha exposición de arte, e unha proxección interactiva, e volta á zona Rede Bull.
Aos pratos Taras 3000. Aquilo prometía. Quedámonos a ver toda a súa actuación e gustoume moito, cunhas melodías que che facían moverte sen parar, e cada pouco, pouquísimos minutos, conseguía a base de loops crear eses momentos de tensión nos que todo o mundo está cos brazos no alto, gozando, expectantes...e esperando o momento en que o romanés dixese ¡basta!, solte o loop e a carpa vólvase tola. Nin unha, nin dous, nin tres... toda a súa actuación foi unha continua viaxe: subidas, baixadas, subidas, baixadas, parons, subidas, baixadas, aguanta, aguanta, subidas, aguanta... tolemia!!

Imos un rato a ver o showcase de Raster Noton (Alva Noto e Byetone): IDM moi conceptual para ó meu gusto.

Volta ao SónarVillage, ao SónarComplex e non había nada que me gustase. Entón párome enfronte dun mapa do recinto e vexo que hai un escenario no que aínda non había estado, pero non era capaz de localizalo no mapa. Fun a pedirme outra caipirinha e, mentres lle daba voltas sobre onde estaría ese maldito escenario, volvemos outra vez cara á zona de Casetas a seguir xogueteando con todos os cacharros; e subindo as escaleiras mecánicas, vemos que hai unha zona subterránea, chea ata arriba, onde todo o mundo está bailando.

 

¡Atopámola! Baixamos as escaleiras como centellas e entramos no subterráneo, de nome SónarHall, onde estaba tocando un grupo do Congo, unha música étnica, sons latinos, africanos, alegres, que facían bailar a todos os presentes. Era o concerto de Konono N1º.

De novo chegaba tarde e tan só puiden ver uns escasos 20 minutos. Unha pena. Iso se, que bos 20 minutos. Todo o mundo gozando aquel concerto, o último da primeira xornada de Sónar día, que nos deixou un moi bo sabor de boca.

 

 

Vídeos sobre o Festival: http://www.youtube.com/user/galizaelectronica| http://www.vimeo.com/gzelectronica

Fotos do Festival:


smaller text tool iconmedium text tool iconlarger text tool icon
Comentarios (0)Add Comment

Facer comentario

security code
Escribe os caracteres da imaxe


busy