A noite do 1 de Agosto do ano 2009 quedará grabado para todos os seguidores do house e achegados neste día ó IFEVI (Vigo) para presenciar e desfrutar da primeira edición do Nglobe Festival, un festival sen precedentes na nosa terra e que se presentaba, en días anteriores, como o mellor festival de música house realizado endexamáis en Galiza. O cartel non era para menos, xa que nel figuraban nomes de talla mundial como máximos representantes internacionais da música house. DJ’s do calibre de David Guetta, Fedde Legrand, Sabastian Ingrosso ou Erick Morillo fixeron tremer e bailar a un IFEVI cun ambiente estupendo.
Antes de nada queremos felicitar á organización deste festival que, pese a ser pioneiro, foi na nosa valoración un tremendo éxito organizativo, así como tamén agradecer o seu trato e facilidades para que estuveramos presentes.
Fomos chegando pouco antes das 7 da tarde concentrándonos nun dos parkings do recinto feiral vigués, onde posteriormente chegarían máis coñecidos cos que compartiríamos risas, bebida e comida antes de pasar bastantes horas escoitando boa música. Destacar que o ambiente preto desta hora era escaso pero, por sorte, todo cambiou a partir das 22.00 h., onde o parking estaba prácticamente ateigado con numerosas persoas comendo, bebendo e escoitando música electrónica nos seus coches.
Con anterioridade, arredor das 20.00 h., ingresamos no interior do IFEVI e así comprobar os diferentes emplazamentos onde se levaba a cabo o festival. Estaba dividido en dúas salas/escenarios:
O primeiro e o máis grande, estaba á esquerda da entrada. Tratábase do pabellón máis grande do recinto, completamente decorado para a ocasión. Nel podíanse observar un tremendo escenario onde estaba a cabina, acompañada dun tremendo equipo de cabezas robóticas de luz e paneis luminosos ademáis de ter, cara os laterais, dúas tremendas columnas de amplificadores e altavoces que superaban os 80.000 vatios de potencia en son. Todo isto tamén estaba acompañados por arredor de media ducia de megatróns e por 4 pantallas xigantes led, onde se podían observar os movementos dos artistas en cabina e nalgunhas ocasións ó público presente. No centro da sala podíase observar unha zona VIP con barra libre, sofás e estupendas vistas panorámicas, onde só os privilexiados poderían estar. Antes de marchar observamos nalgúns momentos as sesións ofrecidas por Ernesto 7-4 e Dani Villa que ofreceu unha sesión cargada de remembers.
O segundo escenario estaba á dereita da entrada. Tratábase dunha sala pequena habilitada para o festival, con dúas pantallas led e numerosas luces. Nel pincharían os artistas galegos e nacionais como Rodri Vegas, DJ Charlie, Miguel Vizcaíno, Chimo e Darío Núñez entre outros.
Posteriormente diríximonos cara o parking, onde estaban os coches e nos disponíamos a cear ata ben entradas as 23.00 h., hora na que comezaría un dos grandes en pinchar, Fedde Legrand.
Fedde Legrand, coñecido pola producción de Put your hands up for Detroit e creador do selo Flamingo Recordings ofreceu unha das mellores sesión da noite nunha sala aínda a medio encher. Non faltaron os seus temas míticos como Let Me Think About It, Put your hands up for Detroit ou 3 Minutes to Explain, todos eles remezclados in situ. Persoalmente, foi o mellor técnicamente diante dos platos xunto Erick Morillo.
Posteriormente, e pasadas a 1.00 h, chegou un dos momentos máis esperados polo público presente, a actuación de David Guetta. Foi o momento no que a sala estivo máis chea e no que o público máis se entregou, sinónimo da xente e dos fans que move este productor e deejay francés. Despois de sair á palestra e antes de comezar coa súa sesión, dirixiu unas palabras á xente, ‘como se sinten?’ replicou Guetta unha e outra vez antes os gritos incesantes das persoas que alí se atopaban. Comezou a sesión coa vocal da súa producción Just a Little more love seguindo co seu éxito When love takes over ante a tolemia da xente. Foi este o momento en que os megatróns comezaron a funcionar. Destacar unha remezcla do tema Show me love con Satisfaction impresionante ademáis de outra remezcla do grupo Black Eyed Pease, I’m gotta feeling. Finalmente foi cerrando a súa exitosa sesión para o público con Love is gone e con un dos temas cos que se deu a coñecer, The world is mine. Sesión comercial, variada e moi bailable.
Chegaba entón o momento do colombiano Erick Morillo, propietario de Subliminal Records e residente de Pachá Ibiza nas sesións ‘subliminal’ e un dos grandes no mundo do house internacional. Xunto con David Guetta foi o que máis xente congregou, claro quedou o tirón destes dous monstros. Ofreceu unha sesión moi variada, con sons moi contundentes por momentos que fixeron que ninguén quedara quedo. Boísima conexión a que tiña o colombiano co público, que se notaba que tamén estaba a desfrutar cos xa seus míticos movementos dentro da cabina e cos seus remixes comerciais reconvertidos a electro. Destacar unha remezcla do tema With or with out you do grupo U2 e como non podia ser doutro xeito, unha pequena homenaxe ó recentemente falecido Michael Jackson co seu tema Billie Jean. Para mín e para moitos dos que nos acompañaban, das mellores sesión da noite.
O festival seguiría con Sebastian Ingrosso, punto de referencia da Sweedish House Mafia xunto outros artistas de renome mundial como Axwell ou Steve Angello. Foi a sesión máis contundente de toda a noite, cun electro que fixo retumbar ás paredes do IFEVI e con elas a todo o público alí congregado. Non faltaron temas como How soon is now, Meich, Leave the world behind, Laktos ou o incrible tema Sweet Disposition. Foi unha das sessions máis curtas, pero a máis contundente sen dúbida algunha.
Finalmente remataría o festival cos residentes de Nglobe Playa Club e organizadores deste impresionante festival, Botz & Flydrums, que coas súas remezclas máis a percusión fixeron gozar ata ben entrado o día ós poucos que quedaron nesta noite inesquecible.
Polo ben da música house e electrónica agardemos que este ano non sexa o último e que haxa nun futuro outra edición do Nglobe Festival e así poder ir adquirindo maior fama a nivel nacional e internacional.
RESTO DE FOTOS: http://www.galizaelectronica.com/web/galeria
Diego Lago






Meneame
Chuza