Chegaba un novo evento 981 á Coruña da man da xente do Playa Club. Chegaba despois da pequena desilusión que fora Chloé no día de Reis, tanto polo discurso musical da convidada (opinión persoal), como pola incomodidade que foi atoparse cunha sala Boite chea de xente que impedía o goce da festa.

Chegaba este evento co interrogante de se a organización aprendera dos erros do anterior evento, no que era case imposíbel pedir unha copa. Non nos andaremos polas ramas, nesta ocasión: chapó á organización.
Habilitouse unha nova barra, á altura da pista de baile, que sumada á que xa había, conseguiu reducir ás esperas á mínima expresión.
Controlouse o aforo, de forma que ó final do warm-up de Grobas xa estivera completo o aforo, estando todos cómodos, e non entrase ninguén mais.
A temperatura da sala era a correcta; e o son máis que aceptable, e dende logo moitisimo mellor co que se acadaba na zona de banquetes, onde se facían os eventos 981 ate este ano.
Así pois, coa organización dispoñendo todo da mellor maneira posible, con Grobas facendo un warm-up á altura do convidado, sacando a relucir a súa faceta máis groove, deixando para outra ocasión os sons electros dos que acostuma a facer gala, e a xente con moitísimas gañas de pasalo ben, e sentíndose cómoda, chegaban as 4 da mañá e aparecía no escenario, Estrela Galicia en man, o holandés Joris Voorn, con ese aspecto de non romper un prato na súa vida, a pel pálida e unha expresión seria, coma pensando única e exclusivamente no traballo que tiña por diante.
Estaba previsto que comezara o set ás 4.30, máis non quixo esperar máis e pouco pasadas as catro, púxose os mandos da Allen & Hearth e do MacBook Pro ca última versión de Traktor Pro.
Comezou o set co Work The Week de Nic Fanciulli, tema lanzado ó mercado no pasado mes de Decembro. A primeira hora do holandes basouse case en exclusiva en novos tracks.
Soaron tamén imprescindibles do holandés como os seus xa míticos Empty Trash, Sweep the floor ou Incident (mención especial á mestura que fixo co Spastik de Richie Hawtin. Brutal). Non faltou tampouco a súa versión do Dark Flower de Robert Babicz.
O holandés pasouno ben en cabina, bailando e gozando a súa música, e fíxonolo pasar mellor aínda ós asistentes.
Joris é un tipo que acostuma a vivir a música que fai, de sentila e transmitirlle esas sensacións ó público. A súa actuación estivo cargada de contundencia e tivo dende o primeiro ó último minuto ó publico no peto.
Así as cousas, dende GalizaElectrónica só nos queda agradecer á organización as facilidades prestadas, e desexar que chegue o próximo evento 981, que será o 15 de Maio e contará co estadounidense Morgan Geist como artista invitado.



Yahoo
Googlize this
Facebook
Meneame
Chuza