Reportaxe da última xornada de SonarGalicia
Escrito por Martin NoMore   
Mércores, 07 Xullo 2010 16:55

Pasamos agora a comentar o que foi o último día de SonarGalicia, cas tres salas abertas por primeira vez, cunha afluencia de público maior cos día anteriores, cun ambiente festivo dos que fan afección; todo parecía prever unha gran noite. Vexamos que deu de si este último día de festival.

A noite comezaba cunha galega, Eme Dj, facendo unha sesión do máis bailable, que de seguro fixo as delicias de moitos dos que alí estabamos. Abrindo boca ó público que ía chegando ó festival. Mentres tanto, no SonarComplex, o que ven sendo o auditorio de ExpoCoruña, levábase a cabo a actuación de anbb, é dicir, Alva Noto + Blixa Bargeld. O minimalismo musical levado ó extremo do primeiro, acompañado pola voz do segundo.

Mentres tanto, na pista principal, finalizando a súa sesión Eme Dj, a pista ía enchéndose para a actuación de Air. Os franceses montaron no escenario tódolos aparellos necesario para o seu directo: profundo, sentimental, apaixonante. Parafraseando o título do seu último álbum: o amor é cousa de dous; e estes Franceses desprenderon moi boas sensacións dende o escenario para toda a pista, que gozou do lindo coa música e visuais.

Pasada a media noite, no SonarClub tivo lugar a actuación que quizás, máis fixo bailar ó publico en xeral: 2many dj´s. Esta parella chegou ó Sonar para presentar o seu último espectáculo, consistente en mesturar o que lles boten, xa sexa pop, funk, prog-rock.. facendo unha ensalada de música contemporánea, amenizada ademais cunhas visuais totalmente sincronizadas, pondo as portadas dos discos que estaban a soar, e xogando con eles, conseguindo arrancar ademais un sorriso ós presentes. A súa actuación rematou cunha choiva de papeis e unha cerrada ovación. Sen dúbida, 2many dj´s son un grupo que encaixa perfectamente co concepto de festival.

Ás 3 da noite, era o turno do directo de Bookashade. Moi traballado, facendo unha música intensa, eléctrica e á vez de calidade; deixando para o final do directo o seu hit máis mítico, In white rooms facendo as delicias de tódolos presentes e rematando o set dunha maneira sublime. Despedida dos alemáns, e chegado ó escenario de unha galega de novo. A escenario principal de Sonar foi aberto na última noite por unha prometedora galega, Eme Dj, e pechado por a galega máis internacional de todas: Cora Novoa, que como sempre que está enriba dun escenario mostra unha actitude inmellorable, transmitindo en todo o momento a súa música o público.

É imposible non contaxiarse da súa enerxía, e por tanto, é imposible non contaxiarse tamén da súa música, moi bailable e por momentos moi contundente. Chapó por ela, Chapó por tódolos artistas que poidemos disfrutar nesta primeira edición do Sonar en Galicia e Chapó tamén por tódalas persoas que de lugares moi dispersos se acercaron a Sonar para saborear 3 días de exquisitez electrónica.

smaller text tool iconmedium text tool iconlarger text tool icon
Comentarios (0)Add Comment

Facer comentario

security code
Escribe os caracteres da imaxe


busy