Reportaxe da primeira xornada de FreshWeekend
Escrito por Martin NoMore   
Luns, 12 Xullo 2010 21:54

O pasado fin de semana, chegaba a Cerceda a primeira edición dun festival que causou gran balbordo dende o momento en que se anunciou. Chegaba o FreshWeekend. Non era para menos, un evento que mesturaba, durante dous días, un lugar case idílico, cun Aquapark como localización e un cartel que mesturaba con mestría dende a house máis deepero, o tech-house, o tan ó alza progressive house e o techno, dende o máis melódico.

O venres amencía nubrado despois de estar chovendo toda a noite. Un contratempo que fixo que só uns poucos valentes atrevéranse a bañarse nas piscinas e tirarse polos tobogáns; o resto tomámolo con humor e propuxémonos que iso non mermaría a festa que tiñamos por diante.

O festival aproveitaba todo o recinto do Aquapark, distribuíndo por todo el catro zonas: dúas carpas (a azul e a branca) e dous open-air (verde e azul), ademais de ter dispoñibles as piscinas ata as oito da tarde. Para comprar calquera cousa, como soe ser normal neste tipo de eventos, precisábase da propia moeda do festival: os fresquitos.

Durante o Venres, no escenario Azul congregábanse os artistas de corte máis alegre. Dende a apertura de Freskitos, pasando polos madrileños Los Suruba que a base deste techno-house que leva preto de dous anos copando o mainstream, e aínda así, segue soando fresco, depende en mans de quen, fixeron as delicias de tódolos presentes; xusto antes do tamén madrileño Uner.

A iso das seis e media tarde, o holandés Kabale und Liebe poñíase os mandos da carpa azul, soltando durante dúas horas todo o seu repertorio, dende o No Worries de Butch ata o hiperprofunda Speak to me de Roland Clark, ou o Bloody Clash de Carola. Despois sería o turno de Darya, prologando o groove ata o infinito, e deixando o selo elegante en cada mestura. E cando a noite tomaba o relevo da tarde, a última perita en dulce de Cadenza, Robert Dietz, tomou o mando da nave e púxose a camiñar entre os fragosos camiños do house, sen perder nunca de vista a pista de baile, facendo un set do máis bailable.

Imos facer un parénteses para falar sobre o equipamento de son co que contou o FreshWeekend. Xa que estamos a falar da carpa azul, con claro predominio do techo-house, contaba cun son Funktion One, como o que estamos acostumados nos grandes festivais, e vese que FreshWeekend naceu con serias pretensión de converterse en tal. Potencia, claridade e pegada son as súas mellores señas de identidade. Dúas zonas mais, as open air, contaban con son Funktion One, facendo un total de tres; mentres que a carpa máis pequena de todas, dedicada tanto o venres coma o sábado ó house máis puro, sen aditivos, contaba cunha sonorización cortesía de Void, e que ademais dun son exquisito, eran incriblemente elegantes. Certo é que durante o festival, ambas open-air experimentaron problemas de son, unha delas quedándose sen el durante uns segundos, algo que non debera suceder, pero entendemos que dende a organización púxose toda a carne do asador para que éste fose un gran festival, cun son á altura das circunstancias, e estamos seguros que, visto como traballa esta xente, calquera problema ocorrido nunha primeira edición feita en apenas uns meses, será resolto na vindeira edición. Dende logo, motivos para pensar así temos dabondo.

Seguimos co máis importante do festival, a música, e para iso dámonos unha volta pola carpa branca, onde K-Soul comezaba a repartir house made in chicago para apenas medio centenar de persoas. E é que esa foi a tónica da carpa blanca durante ambos días. Música de calidade para os sibaritas e amantes do house, e que por definición non goza da presenza das masas. Algo mais de xente estaría fenomenal, pero se teño que elexir unha carpa con pouca xente gozando do que soa, ou o contrario, claramente quédome co primeiro; e é que o auténtico house non se prostitúe.

Chegaba a medianoite, e era hora de pasarse por unha das openair, máis concretamente a zona verde, onde os irmáns Burden, máis coñecidos neste mundillo por Octave One, comezaban o seu directo, sempre tan bailable. Solventados nos primeiros minutos uns problemas co son, que non soaba todo o alto que debera, comezaron o seu live, no que foi unha hora de ir e vir de sensacións, un directo feito con máquinas, como acostuman, directo ás cabezas, pes e corazóns de tódolos presentes. Un dez para os irmáns, como sempre que un servidor tivo o pracer de degustalos.

Logo sería a quenda de Alexander Kowalski. A actuación do alemán pódese dividir en dúas partes, a primeira, con material novo e dándolle un toque diferente ó seu directo dos últimos anos, e unha segunda media hora no que, dende o meu punto de vista, deixouse levar, e tirou dos seus temas máis míticos, o que deixou e moitos unha sensación algo amarga.

Seguindo na mesma carpa, dominada polo techno, púxose ós mandos un dos pesos pesados de Detroit, un integrante da chamada Santísima Trinidade do Techno. A sesión de Kevin, foi un ir e vir de bombas technoides, tirando de clásicos imperecederos coma o Spastik de Hawtin ou o mítico The Bells. Unha sesión de techno contundente, pero limitada tanto tecnicamente como en orixinalidade. Un sempre espera que alguén que fixo tantísimo polo techno dé unha nova volta de torca ó xénero, pero non foi o caso. Para atopar novas solucións techno temos que mirar cara Europa máis que cara América.

Para pechar esa carpa do festival, Sandwell District, uo o que é o mesmo, Regis & Function. Sesión contundente a que nos brindaron os ingleses, si, pero esperábase algo máis de dúas cabezas pensantes de semexante calibre.

Despois deste peche de carpa, volta á carpa azul, aquela dominada polo techno-house, na que estaba anunciada unha actuación especial, na que o máis normal sería un back2back de toda a xente de Cadenza que estaba esa noite actuando alí, Luciano incluido (que non puido acercarse por problemas cos avións); e encontrámonos cun back2back de Kabale Und Liebe e Julien Chaptal, actuación animada e contundente, cargada de enerxía e vitalidade, ideal para cerrar esta carpa azul e un primeiro día de festival que, en liñas xerais, conseguiu arrancar máis dun sorriso ós asistentes.

En breves, a segunda parte.

smaller text tool iconmedium text tool iconlarger text tool icon
Comentarios (0)Add Comment

Facer comentario

security code
Escribe os caracteres da imaxe


busy