Vostede está aquí: Home REPORTAXES Escoitar.org, traballando pola memoria sonora de Galiza
 
 

Escoitar.org, traballando pola memoria sonora de Galiza

Correo electrónico imprimir

Fai un par de anos naceu en Galiza Escoitar.org, un proxecto que aposta pola cultura inmaterial deste país, a través dos seus sons. O equipo esta formado por Chiu Longina, Antropólogo da Univ. Complutense de Madrid, membro do colectivo SINSALaudio de Vigo, e da asociación Alg-a entre outros moitos, Berio Molina do equipo de desenvolvemento de escoitar.org e tamén membro de Alg-a. Horacio González é Licenciado en Belas Artes e Juan-Gil Rodríguez, Musicólogo da Universidade de Oviedo, Julio Gómez coordinador do colectivo SINSALaudio e  por último Carlos Suárez compositor e etnomusicólogo galego.

 Para quen non entenda moi ben de que vai isto, aquí van as súas liñas básicas: Memoria Sonora de Galiza, a posta en valor do patrimonio cultural inmaterial, a dixitalización/restauración do Arquivo Sonoro de Galicia e fomentar a través de talleres o fenómeno sonoro como elemento fundamental da cultura de país.

Durante estes anos adicáronse a gravar centos de sons espallados ao longo de toda a xeografía galega. Coa axuda dunha aplicación a través de Google Maps foron facendo un mapa de sons, de forma que o usuario pode escoitar unha gravación dun lugar determinado. Algúns deles son só paxaros ou ruído do vento, outros son máis específicos como o de aviso de lume cunhas campás. Se viaxamos até  O Porriño podemos escoitar o son de roxar no forno, nunha panadería (das poucas que aínda contan cun forno de leña), e en Laza atopámonos coa comparsa dos peliqueiros,  que nos da a sensación de viaxar ata ese lugar, aínda que so sexa por uns segundos.

Un dos textos que podemos atopar na súa web sobre a filosofía do proxecto é "os sons son materiais e non renovábeis e o feito de capturalos e expoñelos supón unha prolongación da súa vida, xerando novos espazos vivos e mutantes. Percibir, comprender e concibir a nosa identidade sonora, a dos nosos lugares, a súa coherencia e a súa idiosincrasia é un exercicio necesario e saudábel"

Dende Galizaelectrónica.com vos convidamos a que lle adiquedes uns minutos a http://www.escoitar.org e se queredes saber que usan para gravar os sons: http://www.escoitar.org/-tecnologia-